HAI ALGUÉN AO OUTRO LADO? CONTRATAR POR VÍA TELEFÓNICA OU ELECTRÓNICACONTRATAR POR VÍA TELEFÓNICA O ELECTRÓNICA (1)HAI ALGUÉN AO OUTRO LADO? CONTRATAR POR VÍA TELEFÓNICA OU ELECTRÓNICA

O día 17 de decembro de 1999 foi aprobado, por proposta do Ministerio de Xustiza, o Real Decreto 1906/1999, polo que se regula a contratación telefónica ou electrónica con condicións xerais.

O Real Decreto parte do presuposto da actuación máis habitual neste tipo de contratos, fixando o ámbito obxectivo da norma por referencia ao duplo aspecto de contratos con condicións xerais (cláusulas homoxéneas redixidas unilateralmente polo profisional ou empresario para realizar un número ilimitado de contratos) e realizados telefónica o electronicamente (contrato realizado a distancia, xa que ambos os contratantes non están presentes no mesmo lugar á hora de subscribir o contrato).

O Real Decreto baséase na Directiva comunitaria de 20 de maio de 1997, sobre protección dos consumidores en materia de contratos a distancia, a proposta de Directiva sobre comercio electrónico e o Real Decreto-Lei 14/1999, de 17 de setembro, sobre sinatura electrónica, proxecto do que foi coproponente o Ministerio de Xustiza.

Segundo esta normativa, os direitos esenciais dos consumidores no ámbito da contratación telefónica ou electrónica con condicións xerais, son os seguintes:

1. INFORMACIÓN PREVIA.

Cando menos con tres días de antelación, o profisional ou empresario deberá facilitarlle ao consumidor ou contratante información veraz sobre as cláusulas do contrato e o texto completo das condicións xerais que inclúa. Esta información ou oferta debe ser prestada de forma eficaz e completa para que a persoa que se adhira ao contrato teña un coñecemento real do seu contido.

2. DOCUMENTACIÓN.

Unha vez aceitado o contrato polo consumidor ou adherinte, o profisional ou empresario debe remitirlle, de forma inmediata, a documentación acreditativa da contratación efectuada, ora sexa en papel ora nun suporte informático duradoiro, segundo o meio de comunicación utilizado, e no idioma do consumidor (ou no que utilizase o profisional ou empresario para facer a oferta).

3. DIREITO DE RESOLUCIÓN.

Unha vez cumprido o deber de información previa e entregada a documentación relativa ao contrato, o consumidor ou adherinte ten un prazo de sete días hábeis, consoante o calendario oficial do lugar da súa residencia habitual, para resolver o contrato sen penalización nen gasto nengún (incluídos os correspondentes á devolución do ben). O exercicio deste direito non está suxeito a nengunha formalidade. Se a información previa ou a confirmación documental se produciron despois da entrega do ben ou da celebración do contrato, os sete días hábeis computaranse desde o cumprimento destas obrigas. Se estas non se cumpriron de forma completa (información previa e documentación), o consumidor ou adherinte oderá resolver o contrato no prazo de tres meses.

4. RECLAMACIÓN XUDICIAL.

Para acreditar a celebración do contrato e que poda probarse a súa existencia, establécense dúas normas de carácter xeral:

4.1 ASINATURA:

Prevese a posibilidade de asinar o contrato de forma electrónica e, en consecuencia, para que esta teña o mesmo valor que a sinatura manuscrita, debe tratarse da que se denomina asinatura electrónica avanzada (ver guía sobre sinatura electrónica na páxina web do Ministerio de Xustiza: www.mju.es)

4.2 PROBA:

Corresponderá ao predisponte a carga da proba da contratación efectuada, no que atinxe á información previa, entrega de condicións xerais, documentación do contrato, renuncia ao direito de resolución e correspondencia entre a oferta e cumprimento do contrato polo predisponte.

5. CONTRATOS EXCLUíDOS.

Conforme prevé a Directiva sobre protección dos consumidores en materia de contratos a distancia e a Lei de condicións xerais da contratación, fican excluídos do ámbito de aplicación do Real Decreto: os contratos administrativos, laborais, de constitución de sociedades, familiares, societarios e os que reflictan disposicións legais, administrativas ou convencións internacionais.

6. CONTRATOS SUXEITOS A NORMAS ESPECIAIS.

Non será de aplicación o Real Decreto aos contratos referidos a servizos financeiros (que consistan en servizos de investimento, institucións de investimento colectivo), seguro e reaseguro, bancarios ou prestados por entidades suxeitas a supervisión prudencial, relativos a fondos de pensións e a operacións a prazos e de opción, os celebrados mediante máquinas ou locais automáticos, en poxa e os relativos á construción e venda de bens inmóbeis e demais relativos a direitos reais sobre os mesmos, ben como os de arrendamento de bens inmóbeis regulados por leis especiais, excepto os arrendamentos de temporada.

Estes contratos ficarán suxeitos á súa normativa específica, que establece un nível de transparencia e de controlo superior á contratación electrónica ou telefónica ordinaria. Non obstante, como cláusula de encerramento, establécese que nestes supostos deberá quedar constancia documental da contratación efectuada, ora sexa en forma escrita ora en rexistros magnéticos ou informáticos, de acordo coa normativa específica aplicábel en cada caso. A falta desta, enviarase inmediatamente ao consumidor xustificación escrita da contratación efectuada, onde constarán todos os termos da mesma.

7. PUBLICIDADE DAS CONDICIÓNS XERAIS DA CONTRATACIÓN.

O Regulamento do Rexistro de Condicións Xerais da Contratación, aprobado por Real Decreto o 3 de decembro de 1999, establece a posibilidade de que os empresarios ou profisionais podan facer públicas as condicións xerais da contratación (consultar guía en www.mju.es), así como as condicións declaradas nulas xudicialmente cuxa inscrición neste Rexistro é obrigatoria. Isto é, en calquer caso, os consumidores e os contratantes en xeral poderán obter do Rexistrador a información que precisen sobre as condicións xerais incluída no seu contrato ou no contrato que vaian celebrar.

8. ÁMBITO TERRITORIAL.

Estas normas aplicaranse sempre que a adhesión ás condicións xerais se realizase en España, calquera que sexa a lei aplicábel ao contrato.


(1) Artigo baseado en informacións do Ministerio de Xustiza: www.mju.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.