O día 17 de decembro
de 1999 foi aprobado, por proposta do Ministerio de Xustiza, o
Real Decreto 1906/1999, polo que se regula
a contratación telefónica
ou electrónica con condicións xerais.
O Real Decreto parte do
presuposto da actuación máis habitual neste tipo de contratos,
fixando o ámbito obxectivo da norma por referencia ao duplo aspecto
de contratos con condicións xerais (cláusulas homoxéneas
redixidas unilateralmente polo profisional ou empresario para realizar
un número ilimitado de contratos) e realizados telefónica
o electronicamente (contrato realizado a distancia, xa que ambos
os contratantes non están presentes no mesmo lugar á hora
de subscribir o contrato).
O Real Decreto baséase
na Directiva comunitaria de 20 de maio de 1997, sobre protección
dos consumidores en materia de contratos a distancia, a proposta de
Directiva sobre comercio electrónico e o Real Decreto-Lei 14/1999,
de 17 de setembro, sobre sinatura electrónica, proxecto
do que foi coproponente o Ministerio de Xustiza.
Segundo esta normativa,
os direitos esenciais dos consumidores no ámbito da contratación
telefónica ou electrónica con condicións xerais, son os seguintes:
1. INFORMACIÓN PREVIA.
Cando menos con tres días
de antelación, o profisional ou empresario deberá
facilitarlle ao consumidor ou contratante información veraz
sobre as cláusulas do contrato e o texto completo das condicións xerais
que inclúa. Esta información ou oferta debe ser prestada de forma eficaz
e completa para que a persoa que se adhira ao contrato teña
un coñecemento real do seu contido.
2. DOCUMENTACIÓN.
Unha vez aceitado o contrato
polo consumidor ou adherinte, o profisional ou empresario
debe remitirlle, de forma inmediata, a documentación acreditativa
da contratación efectuada, ora sexa en papel ora nun suporte informático
duradoiro, segundo o meio de comunicación utilizado,
e no idioma do consumidor (ou no que utilizase o profisional
ou empresario para facer a oferta).
3. DIREITO DE RESOLUCIÓN.
Unha vez cumprido o deber
de información previa e entregada a documentación relativa
ao contrato, o consumidor ou adherinte ten un prazo de sete días
hábeis, consoante o calendario oficial do lugar da súa residencia
habitual, para resolver o contrato sen penalización nen gasto nengún
(incluídos os correspondentes á devolución do ben). O exercicio deste
direito non está suxeito a nengunha formalidade. Se a información
previa ou a confirmación documental se produciron despois da entrega
do ben ou da celebración do contrato, os sete días
hábeis computaranse desde o cumprimento destas obrigas. Se estas
non se cumpriron de forma completa (información previa
e documentación), o consumidor ou adherinte oderá resolver o
contrato no prazo de tres meses.
4. RECLAMACIÓN XUDICIAL.
Para acreditar a celebración
do contrato e que poda probarse a súa existencia, establécense
dúas normas de carácter xeral:
4.1 ASINATURA:
Prevese a posibilidade de
asinar o contrato de forma electrónica e, en
consecuencia, para que esta teña o mesmo valor que a sinatura manuscrita,
debe tratarse da que se denomina asinatura electrónica
avanzada (ver guía sobre sinatura electrónica
na páxina web do Ministerio de Xustiza: www.mju.es)
4.2 PROBA:
Corresponderá ao
predisponte a carga da proba da contratación efectuada,
no que atinxe á información previa, entrega de condicións
xerais, documentación do contrato, renuncia ao direito de resolución
e correspondencia entre a oferta e cumprimento do
contrato polo predisponte.
5. CONTRATOS EXCLUíDOS.
Conforme prevé a
Directiva sobre protección dos consumidores en materia de contratos a distancia
e a Lei de condicións xerais da contratación, fican
excluídos do ámbito de aplicación do Real Decreto: os contratos administrativos,
laborais, de constitución de sociedades, familiares,
societarios e os que reflictan disposicións legais, administrativas
ou convencións internacionais.
6. CONTRATOS SUXEITOS A
NORMAS ESPECIAIS.
Non será de aplicación
o Real Decreto aos contratos referidos a servizos financeiros (que
consistan en servizos de investimento, institucións de investimento
colectivo), seguro e reaseguro, bancarios ou prestados por
entidades suxeitas a supervisión prudencial, relativos a
fondos de pensións e a operacións a prazos e de opción, os celebrados
mediante máquinas ou locais automáticos, en poxa e os relativos á
construción e venda de bens inmóbeis e demais relativos a direitos
reais sobre os mesmos, ben como os de arrendamento de bens inmóbeis
regulados por leis especiais, excepto os arrendamentos
de temporada.
Estes contratos ficarán
suxeitos á súa normativa específica, que establece un nível
de transparencia e de controlo superior á contratación electrónica
ou telefónica ordinaria. Non obstante, como cláusula
de encerramento, establécese que nestes supostos deberá
quedar constancia documental da contratación efectuada,
ora sexa en forma escrita ora en rexistros magnéticos ou informáticos,
de acordo coa normativa específica aplicábel en cada
caso. A falta desta, enviarase inmediatamente ao consumidor xustificación
escrita da contratación efectuada, onde constarán todos os
termos da mesma.
7. PUBLICIDADE DAS CONDICIÓNS
XERAIS DA CONTRATACIÓN.
O Regulamento do Rexistro de Condicións
Xerais da Contratación, aprobado por Real Decreto
o 3 de decembro de 1999, establece a posibilidade de que os empresarios
ou profisionais podan facer públicas as condicións
xerais da contratación (consultar guía en www.mju.es), así
como as condicións declaradas nulas xudicialmente cuxa inscrición
neste Rexistro é obrigatoria. Isto é, en calquer caso, os consumidores
e os contratantes en xeral poderán obter do Rexistrador a información
que precisen sobre as condicións xerais
incluída no seu contrato ou no contrato que vaian celebrar.
8. ÁMBITO TERRITORIAL.
Estas normas aplicaranse
sempre que a adhesión ás condicións xerais se realizase en España,
calquera que sexa a lei aplicábel ao contrato.
(1) Artigo baseado en informacións
do Ministerio de Xustiza: www.mju.es