obufete.com

Artigos

imaxe da xustiza con unha balanza


Outros artigos
artigos aparecidos con anterioridade en obufete.com

 

BALANZAS PARA NON PERDERMOS O EQUILIBRIO

Ao deseñar Obufete.com excluímos deliberadamente as fotos e logos de balanzas, que nos parecían un elemento gráfico un tanto estereotipado nas webs xurídicas. Para compensar, ofrecémoslles aos nosos amábeis visitantes este artigo que desentraña algunhas das claves simbólicas da xustiza.

As orixes dun símbolo.

Como deusa superior do Olimpo, Temis (a Xustiza) naceu da unión dada entre Urano e Gaia e, pola súa vez, foi mai das Parcas e das Estacións. Temis pertence á raza dos Titáns.Como deusa das leis eternas, figura entre as esposas divinas de Zeus, a segunda após Metis. Con Zeus, Temis xerou a virxe Astrea, personificación da Xustiza. Os mitógrafos e os filósofos teñen imaxinado que Temis, como personificación da Xustiza ou da Lei eterna, era conselleira de Zeus. Entre as divindades da primeira xeración, Temis é unha das pucas que foi asociada aos Olímpicos e comparte con eles a súa vida no Olimpo. Debía esta honra non só ás súas relacións con Zeus, mais aos servizos que prestara aos deuses inventando os oráculos, os ritos e as leis. Temis empuña unha balanza cunha mao mentres unha venda lle tapa os ollos, querendo indicar que a xustiza non entende de rango, riquezas ou intereses particualares. Alén diso, sitúase sobre un león para denotar que a xustiza debe estar acompañada pola forza. Morou case sempre na terra, pero durante a idade de ferro, aflita polos grandes crimes que se cometían, trasladouse ao lugar do Zodíaco chamado Virgo. Astrea, unha das súas fillas, é tomada moitas veces pola mesma Temis e xuntas conforman unha única divindade.

A balanza

Este útil, de orixe caldea, é o símbolo místico da xustiza, isto é, da equivalencia e ecuación entre punición e culpa. Nos emblemas, marcas e alegorías, aparece con frecuencia no interior dun círculo rematado por unha flor de lis, estrela, cruz ou pomba. Na súa forma máis común, con dous platos pendurantes e iguais, dispostos en simetría bilateral, ten un significado asimilábel até certo punto (e subordinado ao xa exposto) ao dos esquemas desa distribución, como é o machado duplo, a árbore da vida, as árbores seforóticas, etc. No seu aspecto máis profundo, a balanza constitúe o arquétipo zodiacal denominado Libra, relativo á ‘xustiza inmanente’, quer dicir, á idea de que toda culpabilidade desencadea automaticamente as forzas de autodestrución e castigo.

Aqueles xuristas de antano

O alemán Rudolf von Ihering explicaba o mito no seu libro Estudos Xurídicos. A loita polo dereito. Do interese nos contratos. A posesión. A verdade é que este tipo de introducións nos libros de Dereito sempre resultaron impagábeis: " ... Todo dereito no mundo debeu ser adquirido pola loita; eses principios de Dereito que están hoxe en vigor foi indispensábel impolos pola forza aos que non os aceptaban, polo que todo dereito, tanto o dereito dun povo como o dun individuo supón que están o individuo e o povo dispostos a defendelos. O dereito non é unha idea lóxica, senón unha idea de forza; eis por qué a xustiza, que sustenta nunha mao a balanza onde pesa o dereito, sustenta na outra a espada que serve para facelo efectivo. A espada, sen a balanza, é a forza bruta e a balanza, sen a espada, é o dereito na súa impotencia; complétanse reciprocamente e o dereito non reina verdadeiramente máis que no caso de que a forza despregada pola xustiza para sustentar a espada, iguale á habilidade que utiliza en manexar a balanza...

Outras visións

E como non somos etnocentristas, lembraremos tamén que na relixión afro-brasileira, de base ioruba, a xustiza maniféstase no grande Xangô. Como Zeus, esta forza cósmica  é o deus da xustiza e do trebón e o patrono da política, da diplomacia, da sedución e da articulación. Señor da vida, é o grande Rei entre os orixás. Iansã, Obá e Oxum son as súas esposas. Xangô controla o fogo, porén o seu poder só tem efecto se é practicado xunto con Iansã, de quen Xangô non pode se separar.



 
  © Obufete.com  é unha iniciativa de Alejandro  López  González. Está permitida a reproducción total e parcial dos seus contidos con mención expresa da fonte.
Rúa do Vilar, 58, 1º. 15.705,  Santiago de Compostela,  A Coruña, (Spain) Tel. e Fax:  34 981 582 912 
Móbil Alejandro: 34 636 006 502