obufete.com

Artigos

pasaporte

artigos aparecidos con anterioridade en obufete.com

 

UN PASAPORTE PARA O FUTURO

O Congreso español debate a modificación da Lei de Nacionalidade

Eliminará a discriminación dos fillos de nai española, pero segue sen conceder a nacionalidade á segunda xerazón

www.obufete.com | Santiago de Compostela

A arelada reforma do Código civil español en materia de nacionalidade deu os seus primeiros pasos a semana pasada no Congreso dos Deputados coa toma en consideración das proposicións de lei presentadas polos grupos parlamentarios de PSOE, PP e IU. Comezan agora os trámites para elaborar unha Lei que regulará, esencialmente, as condicións necesarias para ser recoñecido como español. Excusa dicir que, para a emigración galega, o asunto é de especial importancia. Na actualidade, sobre todo nos países do contorno latinoamericano, ter a nacionalidade española é sinónimo de seguranza: para os vellos, porque supón o acceso a axudas económicas e sanitarias que melloran o seu precario nivel de vida; para os mozos, porque á hora de procurar un futuro en Europa a obtención da nacionalidade permite evitar a condición de estranxeiro e a conseguinte aplicación das draconianas normas sobre inmigración.

As tres proposicións de lei presentadas no Congreso teñen en común a necesidade de recoñecer a nacionalidade dos emigrantes que tiveron que renunciar á súa de orixe, ben como aos fillos de emigrantes. Porén, non se recoñece o dereito á nacionalidade dos netos, unha das reivindicacións fulcrais do Consello Xeral da Emigración (CGE).

A proposición de lei presentada polo PSOE, con data de 9 de marzo de 2001, mellora as condicións para que os españois de orixe recuperen a súa nacionalidade e a transmitan aos seus fillos e cónxuxes, mais tamén reserva un espazo importante para favorecer que os inmigrantes podan acollerse á nacionalidade española.

O PP presentou a súa proposición de lei con data de 16 de marzo de 2001. Segundo a exposición de motivos, a iniciativa pretende dar cumprimento aos mandatos da Constitución española, en concreto ao artigo 42, onde se encomenda ao Estado velar pola salvagarda dos dereitos económicos e sociais dos traballadores españois no estranxeiro, alén de orientar a sua política cara ao retorno. Destaca que os fillos de españois nados en España podan optar pola nacionalidade española sen limite de idade ningún

A proposta de IU, presentada o 26 de outubro de 2001, pretende simplificar a adquisición automática da nacionalidade para aquelas persoas que teñan unha vinculación real co país. Tamén se modifican os requisitos de recuperación da nacionalidade para aqueles que a perderan propositadamente, sen someter esa recuperación a ningunha condición de residencia.

O texto íntegro das tres proposicións de lei sobre alteración do Código civil en materia de nacionalidade pode ser consultado en liña na seguinte Url: http://www.extranjeria.info/nacional/ref_nac.htm

Emigrantes e inmigrantes: os dous eixos da reforma.

A pesar de que a situación dos emigrantes españois e os seus descendentes, especialmente na Arxentina, é o pano de fondo do trámite parlamentario, boa parte das propostas fan referencia á obtención da nacionalidade española por parte de inmigrantes estranxeiros instalados en España. Neste senso, parece que os debates se desenvolverán en dous planos. Por unha parte a emigración, onde parece que existe maior consenso entre as forzas políticas, e por outra a inmigración, onde as diferenzas son grandes, especialmente entre o PP e as organizacións do centro-esquerda. Indicamos a continuación cales son as liñas mestras de cada unha das proposicións, así como as intencións e puntos de vistas mostrados no debate parlamentario.

PSOE: Cónxuxes e talvez netos

A proposta socialista salienta que son españois de orixe os nados de pai ou nai españois. Entre as persoas que poderían optar á nacionalidade áchanse os que levasen un ano casados con español ou española e non estiveren separados legalmente ou de facto, ou levasen convivindo en parella de forma estábel, libre, pública e notoria, nunha relación de afectividade similar á conxugal, con independencia da súa orientación sexual, sen que ningún dos conviventes estea unido por vínculo matrimonial en vigor, nin relación de parentesco en segundo grao de consanguineidade (...) sempre que proben a convivencia a través da inscrición nos rexistros especiíficos. Tamén se recoñecería este dereito aos viúvos ou conviventes de españois se no momento da morte do cónxuxe non existise separación legal ou de facto. Quen perdera a nacionalidade poderá recuperala se declara perante o encargado do Rexistro Civil a súa vontade de recuperala e inscribe a recuperación no Rexistro Civil.

A pesar de que non se recolle na proposición de lei, o deputado socialista Julio Villarrubia anunciou no Congreso que o PSOE levará ao debate a posibilidade de resolver o problema da segunda xerazón, isto é, que os netos de emigrantes españois tamén podan optar pola nacionalidade española. Na súa proposta, tamén eliminan do Código civil o requisito de renunciar á nacionalidade anterior para adquirir a española e o de residir en España, pois o contrario fai inviábel na práctica a posibilidade de recuperar a propia nacionalidade.

PP: Os fillos das emigrantes, si. Os netos, non aínda.

Na proposta popular salienta que teñen dereito a optaren pola nacionalide española as persoas que están ou estiveran suxeitas á patria potestade dun español e tamén aquelas cuxo pai ou nai fosen orixinalmente españois e nados en España. Quen perdera a nacionalidade poderá recuperala se é residente en España, aínda que este requisito non será de aplicación aos emigrantes nin aos fillos de emigrantes. A adquisición da nacionalidade de países iberoamericanos, Andorra, Filipinas, Guiné Ecuatorial ou Portugal non é suficiente para producir a perda da nacionalidade española de orixe. Ademais, abondará un ano de residencia para que accedan á nacionalidade española os viúvos e viúvas de españois, se no momento de morrer o cónxuxe non existise separación legal o de facto, ben como para o nado fóra de España de pai ou nai que orixinariamente fosen españois. A residencia haberá de ser legal e continuada.

O cerne da proposta do PP, que será quen ao cabo decida, pois conta coa maioría absoluta nas Cortes, é que os fillos de pai ou nai españois podan optar á nacionalidade sen límite de idade. Isto inclúe as mulleres casadas cun estranxeiro, que coa lexislación actual non poden ofrecer este dereito aos seus fillos xa que perdían a súa propia nacionalidade e obtiñan a do seu home.

Esta situación é especialmente frecuente na Arxentina, onde os fillos nados de pai arxentino e nai española nados antes do 20 de agosto de 1982 son arxentinos e só poden optar pola nacionalidade española se son menores de 23 anos, ao existir un prazo de caducidade que termina dous anos despois de alcanzada a maioría de idade. A reforma do Código civil permitirá superar esta discriminación por razón de sexo e idade, eliminando o prazo de caducidade da opción para as persoas fillas de pai ou nai españois e nados en España.

Porén, o prazo preclusivo non desaparecerá en principio do texto do Código civil, manténdose para as persoas que estean ou estiveran suxeitas á patria potestade dun español e desexen optar á nacionalidade española. Isto implicará que para as segundas xerazóns a situación sexa practicamente idéntica á actual. Na actualidade, a transmisión da nacionalidade realízase en forma directa, de pai a fillo. A única excepción é que o pai recupere a nacionalidade española transmitida polo avó, sen límite de idade, pero cando o pai queira transmitirlla ao neto topará cun atranco insalvábel: só se permite o trámite se o neto é menor de 21 ou 23 anos segundo o país. Polo tanto, se un fillo de galego recupera a nacionalidade española unha vez que o neto xa é maior de idade, seguirá sen poder transmitirlla.

Así mesmo, a proposta do PP articula medidas para evitar a perda de nacionalidade e que a vontade expresa de querer conservar a nacionalidade por parte do español que reside no exterior sexa motivo suficiente para non perdela. Propón tamén que se facilite a recuperación da nacionalidade, tendo en conta que moitos españois que saíron fóra tiveron que optar pola nacionalidade do país de residencia.

IU: Nacionalidade para os inmigrantes 

A proposición de Izquierda Unida insiste en que son españois os nados de pai ou nai españois e os nados fóra de España de pai ou nai que orixinariamente foran españois. Abondará coa residencia dun ano para o que no momento da solicitude levase un ano casado con español ou española e non estivese separado legalmente ou de feito, ben como para o viúvo ou viúva de español ou española, se no momento da morte do cónxuxe non existise separación legal ou de feito. Neste último apartado entenderase que ten residencia en España o cónxuxe que conviva con funcionario diplomático ou consular español acreditado no estranxeiro. Ningún español de orixe poderá ser privado da súa nacionalidade e para recuperala chegará con declarar tal vontade perante o encargado do Rexistro Civil e que inscriba a súa recuperación no Rexistro Civil.

BNG: os fins e os medios

O Bloque Nacionalista Galego, a través do deputado Carlos Aymerich, manifestou o seu desexo de alcanzar un consenso, pero lembrou que as demandas dos emigrantes non dependen unicamente dunha reforma legal, senón que é necesario que esa vontade lexislativa se traduza tamén nun compromiso político e, sobre todo, orzamentario. Non pode ser unha lei de custo cero; recoñecer dereitos supón tamén habilitar medios praa que eses dereitos podan materializarse, que podan ser efectivos. Aymerich lembrou que o BNG leva desde 1998 advertindo da necesidade de elaborar unha verdadeira Lei de nacionalidade que faga posíbel a súa recuperación aos españois e os seus descendentes nos termos máis latos, compatibilizando a española coa do país de residencia. Dixemos respecto da opción pola nacionalidade española que se elimine a discriminación por idade, que aínda permanece, maiores de 18 anos, e de xénero, e que o acceso se permita non só aos fillos, senón tamén a netos, como fan os italianos. Ademais, as demandas de reforama non surxen unicamente da Cámara. O CGE demandoulle en reiteradas ocasións ao Goberno unha lei de nacionalidade e, por tanto, non só unha reforma puntual do Código civil, senón máis algunha cousa, un estatuto de dereitos e deberes dos españois residentes fóra.

CiU e PNV. Europa e as autonomías

O deputado Silva Sánchez, do grupo catalán, fixo fincapé na necesidade de avanzar cara a un proceso de nacionalidade común da Unión Europea. Margarita Uría, do PNV,  destacou a importancia de que se recollan as posíbeis acepcións dun diferente status xurídico e político dun Estado autonómico.



  © Obufete.com  é unha iniciativa de Alejandro  López  González. Está permitida a reproducción total e parcial dos seus contidos con mención expresa da fonte.
Rúa do Vilar, 58, 1º. 15.705,  Santiago de Compostela,  A Coruña, (Spain) Tel. e Fax:  34 981 582 912 
Móbil Alejandro: 34 636 006 502