obufete.com

Artigos

pasaporte

artigos aparecidos con anterioridade en obufete.com

 

ALGUNHAS PREGUNTAS FRECUENTES SOBRE A ADQUISICIÓN DA NACIONALIDADE ESPAÑOLA

Por Alejandro López, avogado.
(Nacionalidade española)

O pasado día 9 de outubro publicouse no Boletín Oficial do Estado a Lei 36/2002 de modificación do Código Civil en materia de nacionalidade, coa súa entrada en vigor, o vindeiro 9 de xaneiro de 2003, remata un proceso que durou máis de catro anos e que, na práctica, abriuse case inmediatamente despois da última reforma na materia, realizada no ano 1995. As comunidades de españois no estranxeiro confiaban en que esta nova lei resolvería, por fin, as suas demandas históricas e permitiríalle recuperar a nacionalidade española aos descendentes de españois que, aínda que por distintos motivos, perderan a nacionalidade de seus pais ou avós, conservaban fortes vencellos emocionais co noso país.

Ao abeiro da gran expectación creada polo proceso lexislativo naceron ou fortalecéronse iniciativas e asociacións que como Netos pola Nacionalidade, os Morados e Fillos trataban de canalizar as esperanzas de cambio de estes colectivos e dar unha maior difusión ás suas demandas. O texto definitivamente aprobado, aínda incluindo algunhas melloras sustanciais, deixa insatisfeitas moitas das demandas históricas e moito é de temer que axiña será necesario abordar novas reformas.

Nembargantes, sería inxusto negar as evidentes melloras que introduce a lei, entre as que destacan, a superación do sistema de prazos preclusivos para a opción pola nacionalidade española ou, a eliminación, case total, da discriminación á que aínda estaban sometidos moitos dos fillos de cidadás españolas que se viran obrigadas a renunciar á sua nacionalidade para adquiriren as dos seus maridos. A nova lei dificulta a perda automática da nacionalidade española polos cidadáns que, vivindo no estranxeiro, utilizasen exclusivamente a nacionalidade de outro país e suprime a esixencia da renuncia á nacionalidade anterior para a recuperación da española. Entre as súas notas positivas é de sinalarmos tamén a fixación do prazo de un ano para a resolución dos expedientes de nacionalidade, que adecua así, a tramitación de estes á normativa da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas 30/1992.

Coa finalidade de servir de orientación aos colectivos de españois, ou familiares de estes, residentes no estranxeiro, pensamos que podería ser práctico realizar unha selección de preguntas habituais sobre esta materia para contestármolas de acordo coa nova regulación; aínda que confiamos en que esta fórmula sexa de utilidade para solucionar algunhas das dúbidas máis habituais, non podemos deixar de recomendar a consulta dos supostos concretos ao seu avogado, xa que, dificilmente poderemos recoller aquí en tan limitado espacio e coas escasas forzas e pobres coñecementos dos que dispoñemos, os centos de combinacións que a realidade oferece.

1º) Meu pai (ou miña nai) naceu en España e, aínda que era orixinariamente español, perdeu esta nacionalidade antes do meu nacemento. De acordo coa nova lexislación, ¿podo adquirir a nacionalidade española?

Sí, se súa nai ou seu pai eran españois de orixe e nados en España, vostede ten dereito a optar pola nacionalidade española sen límite temporal ningún. A nova lei elimina os prazos para realizar esta opción ata agora vixentes.


2º) Un dos meus proxenitores (pai ou nai), aínda que nado no estranxeiro, era español no momento do meu nacemento; poucos anos despois, meu pai/ miña nai, perdeu a súa nacionalidade para adquirir a do país X, pasaron xa máis de 2 anos desde que alcancei a maioría de idade e non optei pola nacionalidade española ¿podo facelo agora?

Non, o seu dereito á adquisición da nacionalidade española por opción xa caducou e só podería lograr a súa nacionalización pola vía da residencia. Se polo contrario fose vostede menor de idade ou non tivesen transcorrido os citados dous anos si tería vostede aínda a posibilidade de optar pola nacionalidade do noso país.


3.º) Un (ou varios) de meus avós (ou avoas) era español, non así meus pais, ¿podo adquirir a nacionalidade española?

Só poderá vostede recuperar a nacionalidade de seus avós despois de residir en España de forma legal, continuada e inmediatamente anterior á súa solicitude, durante un período de un ano. Para poder residir de forma legal en España é preciso solicitar o correspondente visado e o oportuno permiso de traballo e/ou residencia (ver sección inmigración). Como neto de españois, non se verá afectado pola suspensión vixente do réxime dos permisos ordinarios de traballo e tampouco se terá en conta a situación nacional do emprego á hora de valorar a súa oferta de traballo polos servizos do INEM.


4º) Aínda que meus pais son estranxeiros eu nacín en España, ¿podo adquirir a nacionalidade española?

Ao igual que os netos de españois poderá vostede adquirir a nacionalidade española despois de residir de forma legal en España durante un ano. Pero, se na actualidade non reside en España, non poderá beneficiarse dos privilexios que disfrutan os netos á hora de obteren os permisos.


5º) Meus bisavós eran españois: ¿podo adquirir a nacionalidade española?

Para a adquisición da nacionalidade española estará vostede sometido ao réxime ordinario de adquisición da nacionalidade por residencia. Se é vostede nacional de un país iberoamericano, Andorra, Filipinas, Guiné Ecuatorial, Portugal ou é vostede Sefardí, poderá facelo despois de residir legalmente durante dous anos no noso país, de non ser así, terá que aguardar ao transcurso de dez anos (ou cinco se é vostede refuxiado).


6º) Estou en condicións de adquirir a nacionalidade española por residencia, ¿Que documentos debo aportar? ¿E onde?

Debe presentar a súa solicitude (pode encontrar un modelo nas páxinas do Ministerio de Xustiza) no Rexistro Civil do seu lugar de residencia acompañándoa dos seguintes documentos:

  • -Partida literal de nacemento do interesado (debidamente legalizada coa apostilla da Haya).
  • -Certificado de antecedentes penais do país de orixe.
  • -Certificado de antecedentes penais expedido en España.
  • -Certificado de empadroamento.
  • -Documento que xustifique o tempo de residencia legal en España.
  • -Se está casado/a con español/a, aportará ademais o Certificado de matrimonio expedido polo Rexistro Civil español correspondente, e certificación literal de nacemento do cónxuxe español.

7º) ¿Canto tempo dura a tramitación de un expediente de nacionalidade?

A duración media de estes expedientes é, segundo declara o Ministerio de Xustiza, de un ano.

A nova Lei establece que, transcorrido o prazo de un ano, as solicitudes de adquisición de nacionalidade por residencia consideraranse desestimadas por silencio administrativo; o que lle permitirá ao solicitante interpoñer os recursos que procedan contra esa resolución.


8ª) Son estranxeiro e estou casado con un español/a ¿Podo adquirir a nacionalidade española?

Poderá vostede adquirir a nacionalidade española despois de residir legalmente en España durante un ano. Como cónxuxe de cidadán comunitario ten vostede dereito a traballar e a residir en España (dereito regulado no R.D. 766/1992), estando este dereito suxeito tan só a certas formalidades administrativas: a obtención de unha tarxeta de estranxeiro, para a expedición de esta será preciso, ademais de xustificar o vencello matrimonial que o/a une con un ciudadán español, aportar o oportuno visado de entrada en España ou a exención de este.

11 de outubro de 2002



  © Obufete.com  é unha iniciativa de Alejandro  López  González. Está permitida a reproducción total e parcial dos seus contidos con mención expresa da fonte.
Rúa do Vilar, 58, 1º. 15.705,  Santiago de Compostela,  A Coruña, (Spain) Tel. e Fax:  34 981 582 912 
Móbil Alejandro: 34 636 006 502