obufete.com

Artigos

pasaporte


artigos aparecidos con anterioridade en obufete.com

 

O RECOÑECEMENTO DE DECISIÓNS XUDICIAIS ESTRANXEIRAS EN ESPAÑA. O EXEQUATUR.

Por Eduardo de Sádaba López.

O exequátur é unha das formas que existen no dereito español para lle recoñecer efectos a unha decisión xudicial dictada no estranxeiro.

A necesidade de recoñecer unha decisión xudicial estranxeira xorde cando, unha vez obtivermos unha sentencia, auto, etc. nun país estranxeiro, desexamos que esta despregue os seus efectos en España.

A forma máis sinxela de realizar o recoñecemento de decisións xudiciais estranxeiras sería o recoñecemento automático, sen precisar procedemento especial máis ningún. Nembargantes, o réxime común español require, en principio, o procedemento de homologación coñecido como exequatur , procedemento que se tramita ante o Tribunal Supremo. Non obstante, no ámbito das resolucións orixinadas en países membros da Unión Europea e mercede a varios Regulamentos comunitarios, prímase o recoñecemento automático.

Debido á falta de sistematización do Dereito Internacional Privado no noso país ademais de atender aos Regulamentos comunitarios aludidos anteriormente, tamén hai que facer mentes do grande número de Tratados Internacionais existentes sobre a materia, o que a fai complexa abondo, xa que cada caso é diferente en función de cal for o país de orixe da resolución.

Os tratados en xeral tratan de relegar o procedemento de exequatur, primando o sistema de recoñecemento automático.
As sentencias de divorcio e separación son as que, desde o punto de vista dos cidadáns particulares, máis comunmente necesitan ser obxecto de recoñecemento, así pois e despois de termos exposto brevemente as anteriores xeneralidades, imos examinar o sistema existente en España para o recoñecemento de decisións xudiciais en materia de divorcio.

Para isto imos examinar o Regulamento da Unión Europea 1347/2000 así como o dereito interno.
Como xa temos exposto, no ámbito da Unión Europea existen diversos regulamentos que regulan esta materia do recoñecemento de decisións xudiciais entre os países membros. Poderiamos citar como más importantes o Regulamento da Unión Europea 44/2001 sobre competencia xudicial, recoñecemento e execución de resolucións xudiciais en materia civil e mercantil amailo citado Regulamento da Unión Europea 1347/2000 sobre competencia xudicial, recoñecemento e execución de resolucións xudiciais en materia matrimonial e de responsabilidade parental sobre fillos comúns. É este Regulamento o que regula o referente ao divorcio.

O Regulamento da Unión Europea 1347/2000 instaura un sistema de recoñecemento automático, deste xeito di o seu art. 14.2, que “non se ha requirir ningún procedemento previo para a actualización dos datos do rexistro civil de un Estado membro sobre a base das resolucións en materia de divorcio...” Isto é, de obtermos unha sentencia de divorcio nun Estado membro, se quixermos que esa ruptura do vencello matrimonial for inscrita no Rexistro Civil español, non ha ser necesario seguirmos as canles do exequatur perante o Tribunal Supremo. Pero existen excepcións, hai unha serie de motivos no Regulamento polos que se pode denegar o recoñecemento. O motivo de denegación máis importante é que a resolución sobre o divorcio sexa contraria á orde pública interna. Esta suposta contrariedade coa orde pública debe ser observada en cada caso polo xuiz. Un exemplo el puider ser a institución do repudio, que é probable sexa contraria a principios constitucionais capitais como é o de igualdade.

E pois, feito cabo disto, velaquí que é preciso facermos distinción entre o que el é o recoñecemento propiamente dito e a declaración de executabilidade. Ao falarmos de recoñecemento referímonos á eficacia de unha decisión estranxeira en todo o que non sexa o seu efecto executivo, e ao falarmos de declaración de executabilidade referímonos a aquela declaración que fai posible que unha sentencia estranxeira despregue no noso país os seus efectos executivos.

Tocante á declaración de executabilidade, o procedemento ten dúas fases: unha primeira fase unilateral e unha segunda fase bilateral. O Regulamento dispón de varios anexos nos que se indica que órgano será competente en cada país para realizar cada fase. É ben explicar isto aínda máis un pouco.

A solicitude de execución ten de se presentar, en España, ante o Xuiz de Primeira Instancia, segundo indica o anexo I do Rto. 1347/2001, e “a competencia territorial ha de se determinar polo lugar de residencia habitual da persoa contra a que se solicitar a execución ou polo lugar de residencia habitual do fillo/s a quen se refere a solicitude”. Tocante ao modo en que ten de se presentar a solicitude de recoñecemento, esta está regulada polo Dereito do Estado requirido, poño por caso, se eu solicito a execución de un dereito de alimentos en España resultante de unha sentencia de divorcio obtida no estranxeiro, debo presentar a solicitude en España e coas formalidades requiridas polo Dereito español.

Segundo xa foi exposto, esta primeira fase é unilateral, o órgano xurisdiccional debe decidir no prazo máis breve posible. Unha vez notificada a resolución (existen tamén diversos motivos de denegación) é posible interpoñer recurso por calquera das partes , aquí estariamos xa na segunda das fases antes aludidas, fase esta que é bilateral, xa que o recurso preséntase ante un dos órganos establecidos no anexo II do Regulamento da Unión Europea 1347/2001, en España interponse ante a Audiencia Provincial. Posteriormente poderá interporse recurso mediante os procedementos recollidos no anexo III, en España a canle axeitada é o recurso de casación.

Fóra do ámbito da Unión Europea, caso de estarmos ante unha resolución procedente de un país non comunitario que, igual que antes, queremos que se recoñeza e/ou someta a execución en España, temos que diferenciar dous supostos. Se entre ese país e España existe un Tratado Internacional, haberá que atender a este, polo regular os Tratados adoitan establecer un sistema de recoñecemento automático.

Por último, caso de non existir Tratado Internacional, será cando haberá que acudir ao réxime interno, como xa foi dito, ten de se solicitar a execución da Sentencia estranxeira ante o Tribunal Supremo, é o coñecido como procedemento de exequatur. Trátase de un procedemento relativamente sinxelo no que os trámites están reducidos ao mínimo, establécese un prazo de 9 días para escoitar a outra parte e o Ministerio Fiscal; despois disto, a Sala dictará unha resolución contra a que non cabe recurso. Nembargantes, ao ter que se tramitar ante o máximo órgano xudicial español, moi saturado de traballo, o procedemento é, polo regular, lento de abondo, aproximadamente un ano, e relativamente custoso.



  © Obufete.com  é unha iniciativa de Alejandro  López  González. Está permitida a reproducción total e parcial dos seus contidos con mención expresa da fonte.
Rúa do Vilar, 58, 1º. 15.705,  Santiago de Compostela,  A Coruña, (Spain) Tel. e Fax:  34 981 582 912 
Móbil Alejandro: 34 636 006 502